O futuro do centro de saúde da Pobra enfronta a goberno e oposición

    POBRA> O PP da Pobra insiste na existencia dun compromiso por parte da Xunta de Galicia de acometer un novo centro de saúde na localidade. Responsabilizan ó actual goberno de que o proxecto non fose incluído nos orzamentos autonómicos ante a falla de consenso para o emprazamento desta instalación. A construción dun novo centro de saúde na Pobra, anunciada polo anterior executivo local, enfronta a goberno e oposición. O PP insiste na vontade da Consellería de Sanidade de acometer este proxecto para o que, explican, xa existían os terreos, cedidos voluntariamente polos propietarios, e mesmo unha reserva de fondos. Fondos que finalmente non aparecen consignados nos orzamentos da Xunta ante, din os populares, o cambio de criterio do goberno sobre o emprazamento desta infraestrutura. Igualmente críticos son coa xestión do goberno sobre a apertura do centro de día da localidade que permanece inoperativo a pesar de contar con tódolos servizos para a súa posta en marcha. Instan ó alcalde a realizar os trámites necesarios ante o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para axilizar a súa apertura. Os populares poñen estes dous casos como exemplo da demora que está a ocasionar a xestión do actual goberno a proxectos tan necesarios para a cidadanía. O alcalde da Pobra saíu ó paso das críticas realizadas polos populares explicando os motivos polos que non se ten avanzado no proxecto do centro de saúde. A anterior Conselleira explicou ó goberno local que os fondos europeos destinados para este tipo de infraestruturas eran insuficientes polo que habería que agardar á convocatoria do próximo ano. Non é só unha cuestión de orzamentos senón que o goberno pobrense buscará o consenso con tódolos sectores afectados para tomar unha decisión con respecto ó centro de saúde. A próxima semana celebrarase unha asemblea para debater sobre os posibles emprazamentos do futuro centro ou mesmo valorar a posibilidade de reformar o actual. Con respecto ó centro de día, o alcalde explicou que xa se teñen iniciado as xestións ante o Consorcio para asinar o convenio que permita a súa apertura. Polo momento, están á espera dunha reposta por parte do ente autonómico.