O executivo sonense dotará de abastecemento a Cavanela e Agrelo

    PORTO DO SON> A actuación irá financiada con cargo ó Fondo de Compensación Ambiental, cun presuposto total de máis de 94 mil euros. O concello de Porto do Son continúa a dar pasos para mellorar o abastecemento de auga no municipio. Neste sentido, fontes municipais informaron que o importe da subvención do Fondo de Compensación Ambiental, que lle corresponde a través do canon eólico, preto de 95 mil euros, irá destinado na súa integridade a dotar deste servizo básico ós lugares de Cabanela e Agrelo, do que se beneficiará a máis de 45 viviendas. Dende o propio executivo sonense destacaron que esta mesma rede está dimensionada para poder dar servizo nun futuro a parte da parroquia de Nebra. Dase ademais a circunstancia de que os veciños destas dúas aldeas viñan demandando esta actuación dende hai tempo, ó existir unha importante necesidade que aumentou nos últimos veráns coa seca de moitos pozos de abastecemento particulares. Unha vez iniciadas as obras, o concello sonense ten previsto poñerse en contacto cos propios veciños para que os interesados fagan as solicitudes correspondentes e poidan beneficiarse do servizo.