LOUSAME> A consellería de Infraestruturas somete a información pública o proxecto de trazado deste novo vial. Serán necesarias expropiacións de terreo que supoñerán, segundo o previsto, máis de 200.000 euros do orzamento.
Segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, comeza o período de consultas públicas do proxecto vial que comunica Lousame co corredor Brión-Noia. Esta conexión terá un percorrido de 1,2 quilómetros e ten o obxectivo de facer máis áxil e segura a condución daqueles usuarios que se acheguen o núcleo lousamiano de Portobravo. Este novo trazado reducirá considerablemente a lonxitude e o tempo percorrido. Comezará nas inmediacións de Portobravo (na estrada AC-308), por ser este punto compatible con futuras actuacións de mellora de comunicacións entre Boiro e Noia, e dirixirase un vial de 840 metros ata a AC 311 en A Fialla. En ambos puntos instalaranse respectivas glorietas. O segundo tramo apóiase nunha estrada local, que comunica a AC-311 ca AC-543, nesta última finaliza o eixe proxectado. A estrada local, de 280 m de lonxitude, será ampliada para aumentar a súa capacidade, resolvéndose mediante unha nova glorieta a intersección coa AC-543. Unha vez aquí poderase acceder ao corredor Brión-Noia coa conexión executada na mesma estrada AC-543 en Sampaio, posta en marcha no 2012. A modificación conseguirá ademais mellorar dúas interseccións existentes, que agora mesmo presentan escasa visibilidade, transformándoas en glorietas e realizando deste xeito cruzamentos máis seguros. Para executar estes traballos será necesario expropiar terreos ao seu paso polo termo municipal de Noia. Estímase que o valor de ditas expropiacións alcanzará os 220.000 euros.