Feijóo impulsará un plan de emprego para os beneficiarios da RISGA

GALICIA> Aumentará ademais as prestacións para servizos de axuda no fogar.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou un novo programa para facilitar a contratación de 600 perceptores da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), e por outro lado, o aumento en 1,6 millóns de euros do servizo de axuda no fogar para chegar a 500 dependentes máis.

O novo programa de axudas para a RISGA está dotado con 3 millóns de euros e xerará convocatorias especiais co obxectivo de atoparlle traballo, en concellos e agrupacións locais, a 600 persoas perceptoras desta prestación. Estas contratacións durarán entre 7 e 9 meses, serán a tempo parcial e o labor do persoal deberá ser a realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social. A orde entrará en vigor a próxima semana. Esta iniciativa enmárcase dentro da Lei de inclusión de Galicia, aprobada o pasado ano.

No que respecta á axuda no fogar, Feijóo precisou que se destinarán preto de 40 millóns de euros., o que supón un aumento do 4,24% do orzamento inicialmente previsto para este ano. O líder do Executivo destacou que con esta partida 500 dependentes máis gozarán desta axuda, polo que se prevé que en 2014 se beneficiarán un total de 10.100 galegos dependentes. O incremento do orzamento para este servizo permitirá, tamén, asignar aos concellos e mancomunidades ou agrupacións de concellos, que prestan este servizo, 24.066 horas máis ao mes.