A Deputación entrega os premios do concurso ‘Viñetas pola Igualdade’

A CORUÑA> A Deputación da Coruña entregou na Biblioteca provincial os premios aos gañadores do V Concurso de Viñetas para a Igualdade convocado baixo o lema ‘Dá igual? Igual non dá. Os gañadores Cristian Fojón Caruncho, Noelia Justo Fernández e Pedro Bouza Bernárdez recibiron das mans do presidente da Deputación, Diego Calvo, os seus obsequios, unha tableta electrónica e unha colección de libros de banda deseñada. O titular provincial salientou a calidade artística dos gañadores, que xa resultaron finalistas en anteriores ocasións. O primeiro seleccionado, Cristian Fojón, estudante de Ortigueira de 17 anos, quedou en segundo lugar en 2012 e en primeiro en 2011, mentres que Pedro Bouza, hoxe con 15 anos e veciño de Culleredo, obtivo o primeiro premio no ano 2012. A novidade deste ano foi Noelia Justo, de 18 anos e veciña da Coruña. Esta quinta edición bateu o nivel de participación ata o momento ao multiplicar por cinco os traballos recibidos. En total presentáronse 162 obras nas que participaron 214 persoas e das que se seleccionaron 32 finalistas e, entre eles, os gañadores. Todas elas poderanse ver durante os próximos días na biblioteca provincial. O obxectivo deste certame, convocado con motivo do Día da Muller, é concienciar ao alumnado na necesidade de cambiar os valores e modelos no ámbito educativo para conseguir unha igualdade de xénero real.