A ILLA DE AROUSA> A Illa de Arousa pon en marcha o seu programa de actividades de nadal. Van comezar este mesmo venres, co xa clásico encontro de corais. Tamén haberá moitas actividades deportivas e de lecer pensadas para os máis pequenos, entre elas a presentación do novo disco de María Fumaça. Tampouco faltarán as tradicionais visitas da Apalpadora, Papá Noel e os Reis Magos.
O Nadal enche de actividades a Illa de Arousa. A programación das festas arranca xa este mesmo venres, con actividades para tódolos públicos. Como non podía ser doutro xeito, as propostas infantís teñen un peso destacado, cun DemoDay da escola de música, a presentación do novo traballo de María Fumaça ou a visita á Illa da Apalpadora, Papá Noel e os Reis Magos.
Máis alá das actividades de lecer, os nenos tamén poderán gozar de propostas deportivas. A través da Fundación de Deportes da Illa, organízase unha nova edición do ‘Nadal en acción’. Este ano propoñen xogar a Espías navideños, Videoxogos físicos e, a gran novidade, o Fornite físico.
Outra das actividades destacadas é o xa clásico encontro de Corais. Vaise celebrar este venres no Auditorio Municipal.
Tódalas actividades de nadal da Illa son de balde, agás o concerto de María Fumaça. As entradas custan 5 euros, en venda anticipada, 7 no despacho de billetes.