Quince desempregados recibiron formación en atención a domicilio

    PORTO DO SON> A Consellería de Traballo e Benestar destinou máis de 56.000 euros á formación de 15 persoas desempregadas de Porto do Son , a través dun curso de atención sociosanitaria a persoas no domicilio. A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, entregou os diplomas ós participantes nesta iniciativa, que permitiu ós beneficiarios a obtención dun certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. O goberno galego ten apostado por estender a certificación a practicamente o 100 por cento dos cursos que impulsa. Grazas a este esforzo, desde 2009, Galicia xa expediu 36.000 acreditacións, o que a sitúa no primeiro posto entre as Comunidades autónomas nesta materia. Os programas de formación que integran a oferta da Dirección Xeral de Emprego e Formación están normalizados, actualizados e adaptados ás esixencias do mercado de traballo, ao igual que os de anos anteriores. Así mesmo, estes programas teñen un referente común de competencias en materia educativa e laboral porque foron elaborados en función das cualificacións profesionais existentes.