O rexedor rianxeiro paraliza as obras da rotonda do colexio Castelao

    RIANXO > O alcalde de Rianxo ordenou a paralización das obras de construción da rotonda nas inmediacións do colexio Castelao, á espera da xuntanza que manterá este vindeiro sábado o Delegado da Consellería de Educación con representantes da ANPA deste centro educativo, que levan mobilizándose nas últimas semanas, preocupados ante a posible falla de seguridade na zona.

    A polémica xurdida en Rianxo a raíz da construción dunha rotonda nas inmediacións do colexio Castelao, e que enfronta á Asociación de Nais e Pais de Alumnos deste centro educativo e ó propio concello, continúa. Ante a negativa dos proxenitores a que esta obra vaia adiante, ó considerala prexudicial para a seguridade dos seus fillos, o alcalde Pedro Piñeiro trasladouse este mércores á Coruña para manter unha xuntanza co Delegado da Consellería de Educación, Pedro Armas, así como tamén con representantes da Deputación Povincial da Coruña, organismo encargado da execución das obras.

    Despois de varios encontros a decisión acadada non foi outra que a de paraliza-los traballos de construción desta rotonda como pretendían os pais dende un primeiro momento. Deste xeito está prevista unha visita á localidade para o vindeiro sábado do Delegado da Consellería de Educación, que manterá unha reunión con representantes da ANPA do colexio Castelao e analizar unha posible solución a este problema.

    Á espera do que aconteza nesta xuntanza o colectivo de pais ten en mente continuar coa convocatoria de mobilización realizada para este vindeiro domingo.Unha protesta que arrancará na Praza Castelao, xunto ó concello, para rematar onde está ubicada a rotonda.

    Os membros da ANPA deste centro educativo levan a cabo tamén unha campaña de recollida de sinauturas, tanto polo casco urbano como polas parroquias do municipio e entregarán escritos en contra da obra no concello, na Deputación da Coruña e na Consellería de Educación.

    Redacción Barbanza