Padrón, Rois e Dodro contarán con obradoiro de emprego para vinte alumnos

    BARBANZA> A Consellería de Traballo e Benestar aprobou o proxecto de obradoiro de emprego presentado polo concello de Padrón, en colaboración cos de Rois e Dodro, que beneficiará a 20 alumnos e contará cun orzamento de preto de 180.000 euros para as especialidades de atención sociosanitaria a domicilio e albanelería. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou Padrón e indicou que o programa contará con numerosas vantaxes. En primeiro lugar, a posibilidade de acceder a un posto de traballo nestas especialidades. Así mesmo, ofrece unha formación teórica e práctica de calidade, orientada ás necesidades reais do mercado laboral e vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional que contribúe á mellora da súa empregabilidade. A titular de Traballo lembrou que esta iniciativa abre un importante espazo de colaboración cos concellos no marco da aposta da Xunta pola eficiencia e optimización de recursos. Ademais, os obradoiros están vinculados á realización de obras e servizos de interese para a comunidade. Mato indicou que nos próximos meses poranse en marcha un total de 53 obradoiros por toda Galicia, que contarán cun investimento de máis de 10,2 millóns de euros e beneficiarán a preto de 1.300 persoas. En concreto, na provincia da Coruña financiaranse 15 obradoiros, que beneficiarán a 32 concellos, contarán con 315 alumnos e un investimento de 2,8 millóns de euros.