Ribeira abre o prazo para os obradoiros de conciliación do Nadal que se celebrarán no conservatorio

RIBEIRA> O concello de Ribeira ofrecerá ás familias un servizo de conciliación durante o Nadal. Desenvolverase no conservatorio municipal entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro. Vai dirixido a nenos de 3 a 12 anos.

Moitas novidades nos obradoiros de conciliación de Nadal de Ribeira. Ademais de ampliar a idade de participación ata os 12 anos, as actividades realizaranse no conservatorio municipal e non no pavillón do CEIP O Grupo como veu acontecendo nos últimos anos.

O concello ofertará 75 prazas para que as familias poidan conciliar nestas datas non lectivas. Desenvolverase do 22 de decembro ó 7 de xaneiro entre as oito e media da mañá e as dúas e media da tarde, con posibilidade de servizo madruga e comedor para quen o precise.

Os interesados poderán realizar a inscrición dende o 24 de novembro ata 12 de decembro tanto nas dependencias de Servizos Sociais como na sede electrónica do concello. O prezo será de 40 euros con bonificacións aplicables nos casos habituais.