Os concellos xa poden solicitar as axudas para contratar a perceptores da RISGA

GALICIA> Os concellos e agrupacións locais xa poden solicitar as axudas que permitirá a contratación temporal de perceptores da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA). Esta convocatoria, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia esta semana, poderá beneficiar a unhas 600 persoas en toda Galicia, grazas a un investimento de 3 millóns de euros por parte da Consellería de Traballo e Benestar. Con este proxecto, ofertarase aos participantes un contrato temporal que durará entre sete e nove meses e a tempo parcial, sempre por riba do 50 por cento da xornada laboral. As retribucións serán as fixadas nos convenios colectivos correspondentes. O goberno galego encargarase de financiar o cen por cento dos custos salariais destas contratacións, que estarán dirixidas á realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social. Os beneficiarios, pola súa banda, terán que cumprir os seguintes requisitos: ser perceptor da RISGA, ter unha antigüidade mínima de seis meses, e estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia. Terán preferencia aqueles que se teñan comprometido cun proxecto de inserción sociolaboral.