Portos promocionará os Náuticos galegos nos Salóns da Rochelle e París

GALICIA> Portos de Galicia impulsará a presencia de clubes, asociacións e entidades náuticas, así como de concellos litorais que pretendan promocionar as súas instalacións marítimas recreativas nos salóns promocionais franceses de La Rochelle e París, que se celebrarán os vindeiros meses de setembro e decembro, respectivamente. En colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, o ente autonómico terá presencia por segundo ano consecutivo, nestes eventos de primeira orde no ámbito náutico internacional. Deste xeito, o ente público dará continuidade á estratexia promocional contemplada no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 e iniciada o pasado ano coa difusión da oferta náutica galega nas principais citas do sector. Con este obxectivo, o ente público vén de celebrar unha reunión preparatoria cos representantes dos concellos, clubes, empresas xestoras e asociacións que conformarán a representación galega no Gran Pavois de París e o Salón Náutico de La Rochelle. Neste encontro de traballo perfilouse a oferta conxunta que Galicia presentará en ambos casos e que se basea na filosofía de ‘Galicia, porto único’, en virtude da cal se establecen sinerxias entre o conxunto do sistema portuario autonómico. Á reunión acudiron, entre outros, representantes de Boiro, Pedras Negras, Camariñas, Vigo, A Coruña e Ribadeo. A proposta de Portos de Galicia para os eventos a celebrar en Francia pasa, ademais, polo desenvolvemento dunha axenda de actividades paralelas, no marco dos salóns, para o establecemento de contactos comerciais con outras entidades náuticas europeas. Así, o ente público pretende afondar en posibilidades de negocios con mariñas e asociacións do sur de Francia e Italia, xa perfiladas coa súa presencia na pasada edición de ambos salóns.