O Grove réndese aos encantos do marisco na súa festa máis multitudinaria

O GROVE> As ameixas, as nécoras, os camaróns ou os mexillóns conquistan O Grove. A quincuaxésimo-quinta edición da festa do marisco xa está en marcha, polo de agora, cun público entregado ó sabor e á calidade do produto. O evento, ó que hai que sumar unha variada oferta cultural e musical, prolongarase ata o 14 de outubro.

É o evento gastronómico por excelencia: falamos da Festa do Marisco do Grove. Con 55 anos de historia ás súas costas, o evento volve reunir nun só espazo as delicias máis variadas dos nosos mares.

A oferta gastronómica, como manda a tradición, é máis que variada e o público réndese a ela. Chegados de tódolos recunchos do país e mesmo do estranxeiro, neste arranque do evento xa son moitos os que se apresuraron a facerse coas primeiras racións de produtos. E a experiencia seica merece a pena.

Moitos das persoas que hoxe xantaron no Corgo xa son vellas coñecidas desta cita gastronómica. Os que hoxe debutaban na Festa recoñecen estar sorprendidos pola dimensión do evento.

A Festa do Marisco do Grove complétase con diversas actividades culturais e musicais. Vaise prolongar ata o vindeiro 14 de outubro.