Unha vintena de mulleres de Lousame aprenderon técnicas para a busca de emprego

    LOUSAME> A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, clausurou o curso de preparación para a busca de emprego, que dende o pasado 26 de maio se viña celebrando na Casa da Cultura. O curso enmárcase na iniciativa Activa Emprego, un programa formativo de mellora da empregabilidade entre as mulleres subvencionado pola Deputación da Coruña. Durante as 32 horas lectivas do curso, as alumnas aprenderon a importancia de saber venderse á hora de conseguir un traballo, é dicir, que destacar e como facelo. Neste sentido, as alumnas traballaron especialmente a elaboración dun currículo vitae atractivo, dunha boa carta de presentación ou como prepararse para unha entrevista de traballo. De feito, o curso tivo un contido eminentemente práctico, no que as alumnas simularon entrevistas de traballo, as gravaron en vídeo e despois analizaron as virtudes e os defectos de cada entrevista. Así mesmo, no curso destacouse a importancia da motivación e da autoestima para poder afrontar con éxito a busca dun emprego. Por último, as alumnas tamén recibiron unha completa formación sobre como utilizar Internet para a busca de emprego e sobre os distintos recursos dispoñibles na rede para atopar traballo.