VILAGARCÍA> Faise un ano das primeiras restricións e os hostaleiros aproveitan para mobilizarse de novo. Mañá sairán á rúa reclamando un rescate urxente. A mobilización terá lugar en Santiago e nela van participar representantes do sector de toda Galicia, tamén da nosa contorna.
Pasou un ano dende que se decretaron as primeiras restricións da covid e un dos sectores máis prexudicados, a hostalaría, aproveitará esta data para volver saír á rúa. Colectivos de todo o país organizaron para mañá unha gran mobilización en Santiago.
Ao remate da marcha presentarase o Plan de rescate do sector hostaleiro elaborado pola plataforma na Defensa da Hostalería Galega. Na proposta defenden amplia-lo horario ata despois das ceas, fronte a proposta da Xunta de fixa-la hora de peche nas nove e media. Cren que o lóxico sería poder traballar, como mínimo ata as 23 horas.
No seu plan, demandan tamén que os peches vaian sempre aparellados á axudas, para evitar demoras nos cobros como lles está a pasar agora. Nese sentido insisten: moitos seguen agardando por cobra-las súas achegas e non poden agardar máis.
A mobilización de mañá, na que participarán colectivos das catro provincias, vai percorre-la cidade de Santiago, con remate na praza do Obradoiro.