David Fernández presenta a súa renuncia irrevogable

    RIBEIRA> Deixa o cargo de presidente de NN.XX do PP ó verse implicado nun grave incidente durante as festas da Guía en Carreira. Axentes da Policía Local de Ribeira denunciaron ó presidente de Novas Xeracións do Partido Popular da localidade, David Fernández, como presunto autor dun delito contra a seguridade cidadá. Ó parecer, segundo informaron fontes policiais, o mozo, que é ademais o presidente da Asociación de Hostaleiros, tiroulle tres vasos e unha botella ós integrantes da orquestra París de Noia, razón que obrigou a suspender por uns momentos a súa actuación. O suceso tiña lugar o pasado domingo pola noite, durante a celebración das festas da Virxe da Guía, na parroquia de Carreira. A colaboración veciñal foi fundamental para localizar a este veciño de Ribeira, de 28 anos, que se escondeu entre o público para non ser identificado. Esta mesma tarde, a través dun comunicado, vendo o rebumbio que a nova está a provocar, o propio David Fernández, presentaba a súa renuncia, de xeito irrevogable, coma presidente de Novas Xeracións. No escrito feito público pedía tamén desculpas ós veciños de Carreia e de Ribeira en xeral, á comisión de festas e os membros da orquestra pola súa conduta que considera inxustificada, e que segundo el, non volverá a ocorrer.