Un mozo atropela a dúas irmás contra as que tiña orde de afastamento

VILAGARCÍA> Dúas mulleres de Vilagarcía, irmás, foron atropeladas esta mañá ás portas da súa casa. O vehículo que as arrolou douse á fuga pero o presunto responsable xa está identificado. Un mozo veciño das vítimas sobre o que pendía unha orde de alonxamento das irmás. Segundo relatan os veciños, o suposto agresor xa fora denunciado en máis ocasións por acoso por parte da familia das atropeladas e por causar desfeitas na súa vivenda. Incluso se enfrontaron xudicialmente. Ningún veciño da rúa da Bouza, no Barrio da Torre de Vilagarcía se atreve a falar a cámara. Están amedrentados. O presunto responsable do atropelo de dúas mulleres esta mañá, ás portas da súa casa, ten aterrados ós habitantes da zona. Temen posibles represalias como a que lle ocorreu ás dúas irmás de 41 e 21 anos esta mañá. Fóra das cámaras, os veciños relátannos o sucedido. Ninguén veu o atropelo. Produciuse en torno ás nove da mañá. Si o resultado. Tras escoitar un forte ruído saíron das casas e atoparon ás dúas mulleres tiradas na estrada xusto ás portas da súa casa. Non había rastro do responsable. O coche arroláraas contra o muro da casa e o condutor dérase á fuga, pero unha das vítimas asegurou que se trataba dun coche vermello. Pronto tódalas sospeitas caeron sobre o veciño das feridas. Ó parecer este mozo, J.P.R. de 36 anos, hai tempo que a tomou con esta familia. Segundo os habitantes da zona, xa se enfrontaron nun par de ocasións en xuízos despois de que a familia afectada o denunciara por acoso e por causar desfeitas na súa vivenda. Din que foron varias as veces que lles rompeu os cristais das fiestras. Unha situación que incluso obrigou á familia a instalar cámaras de seguridade no domicilio. Ó parecer actualmente pendía sobre o mozo unha orde de afastamento das dúas mulleres atropeladas. Segundo unha veciña, o presunto agresor chegou a ameazar ás irmás con matalas, e o de esta mañá, di a muller, sería un intento. Ela mesma cóntanos que o mozo vive na casa dos pais cos seus dous irmáns, un home e unha muller. Esta última precisamente acudeu ó lugar dos feitos despois do atropelo e contoulle que o seu irmá lle roubara as chaves do coche e marchara con el. O vehículo vermello que apuntaba unha das vítimas. As mulleres resultaron feridas de consideración. Segundo fontes hospitalarias, a de 41 anos presentaba fracturas de tibia e peroné nas pernas e dor no ombreiro esquerdo. A máis nova ten un traumatismo cranial e dor nunha perna. Foron trasladadas ó hospital do Salnés mentres a Policía Local procedía a facerse cargo do suposto culpable. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/11/ATROPELOVILAGARCIA.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/11/ATROPELO_INTENCIONADO_VILAGARCIA.mp4 {/flowplayer}