BARBANZA> O balance da primeira xornada non é de todo satisfactorio para a maioría dos mariscadores, ó temer que o marisco existente non dea para aguantar toda a campaña. Dende primeiras horas da mañá mariscadores de a flote de toda a ría de Arousa iniciaron a actividade extractiva como estaba fixado nos bancos de libre marisqueo do Bohído, os Lombos do Ulla e Cabío. Neste último, atendendo ás propios testemuños dos rañeiros que acudiron a traballar a el, o resultado non foi de todo malo. O tamaño do marisco era máis que aceptable. Á espera do prezo que acadaría en lonxa, as sensacións eran bastante positivas, pois na maioría dos casos conseguiron acadar os topes sen maiores dificultades. Aínda así, hoxe é o primeiro de moitos días dunha campaña que, en principio debería manterse ata marzo, pero a escaseza de marisco, debido fundamentalmente ós furtivos, parece ser a tónica xeral, polo que as expectativas non son moi boas. As cotizacións na rula ribeirense a onde se levaron a maioría das capturas de Cabío oscilaron para a ameixa babosa entre os 23 euros a máis cara e os 13 a máis barata, e entre os 6’15 e os 5’80 no caso da roxa. O reló pagouse a un catro euros, un prezo bastante considerable para esta especie, mentres que o carneiro rondou os cinco euros trinta. Sen embargo, é cedo aínda para facer balance, polo que haberá que agardar ás próximas semanas para ver o que dan de si os bancos de libre marisqueo.
Inicio Barbanza - Muros - Noia