A patronal ribeirense e o concello promoven o ‘Nadal Solidario’

    RIBEIRA> A través desta iniciativa aquelas persoas que merquen ou consuman nos comercios e bares adscritos á campaña estarán axudando ás familias máis necesitadas do municipio. A solidariedade cos máis necesitados increméntase máis se cabe durante o Nadal cando as distintas entidades e institución públicas suman esforzos para que ninguén quede sen celebrar estas festas. Precisamente esta é a intención do concello de Ribeira e a patronal local que veñen de poñer en marcha a campaña ‘Nadal Solidario, Nadal para todos’. Nela participan comercios, empresas e locais hostaleiros que doarán tanto produtos como achegas económicas ás distintas ONGs do concello. A campaña dará comezo o próximo luns e rematará o cinco de xaneiro. Os interesados en participar poden solicitar información no local da asociación de empresarios ou a través do correo electrónico correo@empresariosriveira.com. Está aberta a tódolos negocios, integrados ou non no centro comercial aberto. Aqueles que participen contarán cun distintitivo no escaparate. Ademais desta iniciativa, o concello colabora coas familias máis necesitadas a través da reserva do dez por cento de prazas de obradoiros e espectáculos para as familias integradas en programas de inserción social. Dende o concello informaron tamén doutras actividades complementarias a desenvolver este Nadal como un servizo de ludoteca infantil para que os pais poidan realizar as compras con tranquilidade ou a pista de xeo, xa operativa. A este respecto, a asociación de empresarios repartirá catro mil bonos desconto para acceder á pista de patinaxe, entre os clientes dos seus asociados.