{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/13/DENUNCIAPANADEIRA.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/13/DENUNCIA_SOS_PANADEIRA.mp4 {/flowplayer} SANXENXO> Mentres a alcaldesa de Sanxenxo recollía onte en Madrid a Q de Calidade Turística para o porto deportivo Juan Carlos primero, a plataforma de veciños SOS Panadeira acudía á policía local para presentar unha nova denuncia contra as obras dos pantaláns que o Náutico está a realizar no porto. O motivo desta volta: contaminación acústica. Segundo figura no escrito presentado por Rexistro ante a Policía Local, na noite do mércores, sobre as once menos cuarto, un ruído enxordecedor rompeu a tranquilidade de turistas e veciños que a esa hora, aproveitando as boas temperaturas, desfrutaban dun paseo polas inmediacións do porto deportivo de Sanxenxo ou dun refrixerio nas terrazas da zona. A orixe, segundo SOS Panadeira, as obras de instalación dos novos pantaláns do Náutico. E presentan este vídeo como proba. Os operarios estaban empregando un xerador e maquinaria pesada para perforar o chan dunha das ramplas. A plataforma veciñal considera que nin son horas nin é admisible o nivel de ruído que se estaba a emitir, de aí que decidiran chamar á Policía Local e unha patrulla persoouse no lugar para tomar a matrícula do vehículo da empresa, en presenza de empregados do Club Náutico. Momentos despois pararon os traballos. O suceso valeu unha nova denuncia por parte de SOS Panadeira ás obras do Náutico, neste caso ante a Policía Local. Solicitan a apertura dun expediente sancionador porque ‘nin o nivel de ruido –afirman no escrito- nin o horario’ está permitido ‘en ningún regulamento local, autonómico ou estatal’. Piden tamén que se lles teña en conta como parte interesada, e se lles comuniquen as actuacións, resultado da investigación e a resolución do procedemento iniciado con esta denuncia. Este novo paso súmase á queixa que a inicios de semana realizaba a plataforma veciñal pola presenza de varias patrullas da Garda Civil custodiando os traballos no porto mentres se procedía á retirada dun pilote. Labores polas que días antes, SOS Panadeira presentara tamén unha denuncia ante o Seprona por presunto delito ecolóxico.
Inicio crb