O verán xa está aquí

    BARBANZA> Xa hai quen estreou os baños desta temporada estival, pero os areais presentarán a súa mellor imaxe o sábado e o domingo.

    As altas temperaturas previstas para esta fin de semana permitirannos sacar os traxes de baño, parasois e cremas solares, aínda que xa houbo algúns afortunados que puideron gozar do mar e da area ó longo da semana. Esta era a imaxe da praia de Cabío durante a xornada matinal. As altas temperaturas, que acadaron na Pobra os 33 graos ó mediodía, invitaban ó baño. Para moitos esta calor era realmente esperada, outros non obstante viñan a Galicia intentado escapar dela. Algúns xa temen a imaxe que ofrecerán as praias nos próximos días e xa teñen plans alternativos. Coma sempre os máis pequenos son os que máis horas pasan metidos dentro da auga. Ó longo da mañá as numerosas excursións que visitaron o areal pobrense quixeron aproveitar ata ó último minuto. Pero hai que reiterar a aplicación da protección solar a miúdo. Lembren tamén beber moita auga, comer froita, ensaladas e comidas frescas, polo menos mentres dure esta onda de calor.