Luz verde ó regulamento interno e á ordenanza de prezos do aparcadoiro do Centenario

RIBEIRA> Novo paso adiante para a municipalización do aparcadoiro do Centenario. O pleno aprobou inicialmente o regulamento interno que establece a apertura da instalación tódolos días do ano. Tamén saíu adiante a ordenanza reguladora dos prezos públicos.

O aparcadoiro do Centenario está máis próximo á súa municipalización despois de que a corporación de Ribeira dera luz verde a pasada tarde ó regulamento do réxime interno que contempla a apertura do servizo durante todo o ano, as 24 horas do día.

Tamén se aprobou a ordenanza reguladora do prezo público por estacionamento que establece un custo de un euro e medio por dúas horas. Ademais dos prezos xerais, estableceranse 4 tipos de abono con bonificacións para os seus titulares e se permitirá establecer convenios con asociacións para habilitar bonos desconto entre os seus usuarios.

A votación saíu adiante por unanimidade. Malia que votaron a favor, dende o grupo popular lembraron que xa no mes de maio o anterior goberno levou a pleno estes dous puntos sen que foron apoiados pola oposición, implicando 4 meses de retraso no proceso de municipalización do párking.

No transcurso da sesión saíu tamén adiante a modificación da taxa de recollida do lixo, o expediente de contratación do servizo de axuda no fogar e o expediente de expropiación de terreos para a construción dunha senda peonil en Coroso.