O Centro Comercial Deán realizará un viveiro de comercio

    POBRA> A iniciativa, que se levará a cabo por fases, pretende facilitarlle a novos creadores un espazo e servizos de acompañamento empresarial para poder sacar adiante a súa idea de negocio. Coa idea de innovar e diversificar o comercio retallista local, o Centro Comercial Aberto Deán, vai iniciar o desenvolvemento dun proxecto dirixido a deseñadores da comarca do Barbanza. A iniciativa, actualmente en fase de captación e selección, ten coma principal finalidade realizar un viveiro de comercio, no que se apoiaría a novos creadores, dándolle a posibilidade de poder utilizar as propias instalacións da tenda escola Deán e recibir tamén apoio e asesoramento para poder sacar adiante a súa idea de negocio. A presidenta da Asociación do Pequeno Comercio, Amparo Cerecedo, foi a encargada de explicar en que consistirá esta novidosa iniciativa, que xurdeu en parte da pasada experiencia da Fashion Weekend Pobra. Na presentación tamén tomou parte a tenente de alcalde da Pobra, Encarnación González, que destacou a importancia do proxecto, non só para os mozos, senon tamén para calquera persoa en xeral que teña en mente iniciar novos proxectos comerciais. As persoas interesadas deberanse pór en contacto coa propia asociación, na Tenda Escola Deán, a través do enderezo ccadean@gmail.com ou ben a través do teléfono 981 83 29 10.