MUROS> A Xunta de Galicia vén de adxudicar o proxecto de balizamento do emisario da EDAR de Muros. O obxectivo desta actuación, presupostada en 5 mil euros, é evitar que as embarcacións danen a canalización co arrastre de redes ou áncoras.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar o contrato para o proxecto construtivo de balizamento do emisario submarino da depuradora de Muros. Será a empresa Ingeniería Creativa Pita a encargada da súa redacción, para a que dispón dun prazo de seis meses un orzamento de máis de cinco mil euros.
A actuación consiste en definir un deseño disuasorio para os arrastreiros de xeito que se reduza o risco de que as embarcacións enganchen o emisario e provoquen danos, como xa ten acontecido en ocasións pasadas. De feito, o emisario foi reparado recentemente despois de que un barco arrancase un treito duns cen metros. Co novo balizamento preténdese previr este tipo de accidentes provocados polo arrastre de redes, áncoras e outras accións externas.
Trala primeira fase, de deseño do balizamento e solicitude de permisos, acometerase unha segunda fase de definición do proxecto para dimensionar os distintos elementos, como a cadea e a boia, para garantir a total seguridade. ó remate do contrato, Auga de Galicia disporá dos planos descritivos e especificacións técnicas dos materiais e medidas para proceder á súa execución.