RIBEIRA> O pleno de Ribeira aprobou a reversión da antiga parcela das Saíñas á titularidade municipal. Aínda que se trataba dun trámite administrativo, este punto da orde do día xerou novamente un intenso debate sobre o cambio de localización da futura residencia.
A corporación municipal de Ribeira celebraba a pasada tarde un pleno no que figuraba entre os asuntos da orde do día a reversión da parcela do Prado a titularidade municipal. A corporación aprobou este trámite para que a finca, cedida en xaneiro de 2022 á Xunta para albergar a residencia, volva a ser propiedade do concello unha vez desbotada a construción deste equipamento.
Os grupos da oposición aproveitaron o debate para criticar a falla de xustificación que motivou o cambio de emprazamento do proxecto da residencia a falla do informe de augas de Galicia e dunha normativa oficial que acredite esta necesidade.
Esixen ademais coñecer cal será o destino da finca que volve a ser propiedade do concello lembrando ademais os fondos xa investidos no seu acondicionamento.
Dende o goberno defenderon tanto o cambio de emprazamento, en aras da seguridade, así como a necesidade de recuperar a finca das Saíñas para darlle un novo uso
Aínda que a residencia centrou boa parte do debate plenario, durante a sesión saíron tamén adiante outros asuntos como a moción presentada polo BNG sobre o transporte público que foi aprobada por unanimidade.
Os nacionalistas demandaban realizar as pertinentes xestións ante a Xunta de Galicia para garantir un servizo de transporte tanto regular como escolar axeitado, poñendo fin ás numerosas deficiencias que soe rexistrar e que provocaron un auténtico caos ó inicio do curso escolar.
Na iniciativa reclaman tamén a necesidade de impulsar unha conexión directa da comarca coa estación de tren de Catoira así como a apertura do apeadoiro de autobuses de Ribeira para que os usuarios dispoñan dun espazo cuberto e poidan facer usos dos baños públicos.











