A Pobra segue a reclamar na rúa unha sanidade pública de calidade

A POBRA> Como cada venres continúan as mobilizacións na Pobra en favor da sanidade pública. Reclaman a apertura do PAC a tempo completo así como a incorporación de máis médicos no centro de saúde para reducir as listas de agarda en atención primaria.

Ducias de persoas volveron saír á rúa na Pobra en defensa da sanidade pública. A principal demanda da plataforma neste concello é a apertura do PAC a tempo completo posto que actualidade tan só presta servizo de noite. Esta situación repercute na saturación doutros servizos como as urxencias do centro de saúde de Ribeira ou o hospital do Barbanza.

En materia de persoal dende a plataforma seguen tamén a demandar a incorporación de máis médicos posto que a falta dun dos facultativos está a derivar en listas de agarda de ata máis de dúas semanas en primaria, situación que se agrava considerablemente no caso das consultas con especialistas.

Denuncian dende a plataforma o afán privatizador da Xunta de Galicia priorizando a asistencia privada concertada co pretexto de descargar as listas de agarda.

Ante esta situación, a plataforma seguirá a concentrase cada venres na Pobra esixindo unha sanidade pública, universal e de calidade.