Titirinoia será protagonista da programación cultural da vila

    NOIA> Esta mañá o concello noiés presentou a programación cultural da que disporá durante o verán. Dentro dela, ocupa un lugar destacado o II Titirinoia, Festival de Monicreques que reunirá os días 11, 12 e 13 de xullo ás principais compañías de títeres de Galicia así como varias formacións de distintos puntos da xeografía española.

    Titirinoia repítese este verán, tras a boa acollida do ano pasado. O festival está dirixido ao público infantil e xuvenil, que acompañado das familias, disfrutarán de tres días nos que a programación teatral de monicreques será protagonista da vila. A nova proposta de ocio e cultura amplía horizontes e pouco a pouco faise un oco no panorama galego e estatal de eventos deste tipo. Titiriteros de Binefar (Aragón), Centro de Titelles de Lleida (Cataluña) e Producciones Cachivache (Madrid) serán as tres formacións de fóra coas que Titirinoia consolida o camiño xa iniciado o ano pasado. A principal novidade da II edición é que a programación non só terá horario de tarde, senón que tamén haberá espectáculos e actividades polas mañás. E inclusive haberá xornada nocturna nun dos días.

    O Festival de Monicreques de Noia lanzou unha páxina web renovada (www.titirinonia.com) e diversos perfís nas redes sociais (@titirinoia , www.facebook.com/titirinoia) nas que poden ampliar a información e ter máis detalles sobre os horarios das actuacións.