Catro agrupacións de España e Portugal participan no XI Encontro de Música e Baile Tradicional da Pobra

A POBRA> Catro agrupacións participarán no XI Encontro de Música e Baile Tradicional que se celebra este sábado na Pobra. Ademais da Asociación Cultural Xiada, organizadora do encontro, tomarán parte neste evento a banda de gaitas Coribantes de Pontecaldelas, o grupo de cantares Serreleis de Viana do Castelo e a Asociación Cultural Revolvedera de Navalcán en Toledo.

O encontro de música e baile tradicional da Pobra converteuse xa nun clásico da programación cultural do verán. Aínda que en anos anteriores se integrou na programación das festas dos Pincheiros ou do Nazareno, nesta decimo primeira edición volve programarse como un evento independente, dada o grande éxito que adoita colleitar.

Será este sábado ás nove da noite na Praza Alcalde Segundo Durán e contará con Xiada como anfitrioa xunto con outras tres agrupacións doutras localidade non só de Galicia e de España senón tamén de  Portugal.

En total, pasarán polo escenario unhas 200 persoas que ofrecerán unha fermosa mestura do folclore galego, castelán e portugués.