A Asociación de Empresarios da Pobra sumou máis dun cento de socios no último ano

A POBRA> Case un ano despois de poñerse á fronte da asociación de Empresarios da Pobra, José Antonio Vidal realiza un balance moi positivo dos avances conseguidos. Ademais de aumentar considerablemente o número de socios, a nova directiva subscribiu diversos convenios con vantaxes para os asociados e conseguiu a incorporación á rede de centros comerciais abertos.

En tan só dez meses, a Asociación de Empresarios da Pobra conseguiu incrementar en máis de 100 o número de socios. É froito do traballo da nova directiva, con José Antonio Vidal á cabeza, que tomaba posesión hai menos dun ano. Máis socios e máis vantaxes como os que supoñen os 8 convenios establecidos con diversas empresas, tamén asociadas, que ofrecen descontos ou beneficios ó resto de membros da patronal.

A entidade atópase inmersa tamén noutros proxectos a máis longo prazo como a creación dunha comunidade enerxética local ou os novos retos que supón a incorporación á rede de centros comerciais abertos de Galicia.

Pero o principal obxectivo que persegue a patronal é a creación de solo industrial para satisfacer a demanda das numerosas empresas interesadas en asentarse na Pobra ou ampliar instalacións e que na actualidade non contan nin cun só metro cadrado de superficie dispoñible.