A POBRA> AMBAR presentou unha nova edición do calendario solidario. Xa van 12 anos da posta en marcha deste proxecto que, ademais de recadar fondos para a entidade, busca dar visibilidade ó labor que realiza a entidade a través do talento dos seus usuarios.
Como auténticas estrelas de cine. Así posan os usuarios de AMBAR ante as cámaras de Pichero para reproducir as cartelas dos últimos títulos do cine español.
Son doce cartelas, unha por cada mes do ano, as que integran o calendario solidario que a entidade pon á venda para recadar fondos. Destinaranse integramente á rehabilitación das vivendas inclusivas que a entidade vai poñer en marcha en Boiro.
O alcalde da Pobra que participou na presentación celebrada esta mañá no Teatro Elma destacou a importancia desta e doutras iniciativas impulsadas por AMBAR para poñer en valor as capacidades máis diversas que permiten enriquecer a sociedade.
Os interesados en colaborar e adquirir un calendario xa o poden facer tanto na sede de AMBAR como a través da súa páxina web. O prezo é de catro euros o de mesa e oito o de parede.











