Malestar en Palmeira ante os cortes de tráfico e as molestias derivadas das obras da travesía

RIBEIRA> Malestar en Palmeira por mor das obras de humanización da travesía que manteñen cortada a circulación na estrada AC-305 ó seu paso pola parroquia. Ademais dos propios veciños afectados, son moitos os comerciantes e propietarios de negocios que denuncian os importantes prexuízos que lle está a ocasionar.

As obras de humanización da estrada de Palmeira levan meses ocasionado molestias ós residentes. A actuación permaneceu moito tempo paralizada pola creba da primeira adxudicataria o que supuxo unha demora maior da inicialmente prevista que acabou por esgotar a paciencia dos veciños.

Ás molestias habituais derivadas dos traballos sumouse esta semana o corte total de circulación na vía que implica problemas nos desprazamentos en coche e no transporte público.

Pero máis aló dos prexuízos derivados do desenvolvemento dos traballos, moitos veciños critican o proxecto, que cualifican de innecesario, e dubidan do resultado final das obras.

Tamén os negocios da zona están a sufrir as consecuencias das obras cunha notable perda de clientes que xa se deixou notar nos últimos meses e non fixo máis que agravarse co peche total da circulación que prolongará aínda ata finais de mes.