Indignación da alcaldesa de Muros coa Xunta de Galicia

    MUROS> Caridad González mostrouse decepcionada e enfadada ca Xunta de Galicia pola non concesión dun obradoiro de emprego.

    A semana pasada comunicábamos a concesión dun obradoiro de emprego para Lousame – Porto do Son e outro para os municipios que compoñen Arousa Norte. A alcaldesa solicitou no seu momento un de albanelería e carpintería pero foille denegado. Asegura que foi coñecedora da noticia a través dos medios de comunicación o cal acentúa aínda máis o seu enfado coa consellería de Traballo e coa Xunta de Galicia. Este é o terceiro ano que lle é denegado a Muros o obradoiro de emprego. Nesta ocasión, o concello presentou o proxecto de solicitude xunto con Carnota, e cumpre, a ollos de Caridad González, con todas as bases requiridas. O concello muradán adiantou que recorrerá contra esta denegación, unha vez a Xunta llo comunique por escrito, para defender os intereses dos veciños e veciñas que tanto necesitan estes obradoiros formativos.