O BNG esixe mellor planificación das obras de Palmeira para minimizar as molestias

RIBEIRA> O BNG esixe á Xunta de Galicia e ó concello de Ribeira unha mellor planificación nas obras da travesía de Palmeira para minimizar os prexuízos á veciñanza. Demandan que se garanta a mobilidade e se recuperen as paradas de transporte público suprimidas tralo corte da circulación. Aquí tamén esixen maior coordinación dos dispositivos de regulación do tráfico para evitar accidentes ou situacións de risco.

Facéndose eco das queixas veciñais, o BNG de Ribeira denuncia os prexuízos que están a ocasionar as obras de humanización da travesía de Palmeira ós residentes nesta parroquia. Levan meses con problemas de mobilidade, agravados co corte total da circulación nun treito que implicou tamén unha perda de servizos do transporte público e mesmo problemas de seguridade ante a mala coordinación dos dispositivos para regular o tránsito.

Tamén os propietarios dos negocios fixeron chegar as súas queixas ós nacionalistas posto que diminuíu notablemente a afluencia de clientes ante as dificultades para desprazarse tanto a pé como en coche, o que implica tamén problemas na loxística.

Dende o BNG demandan ó concello de Ribeira e á Xunta unha mellor coordinación e planificación das obras para minimizar as molestias recuperando ademais as paradas de autobús e garantindo a mobilidade  mentres duren os traballos.