PORTO DO SON> Como xa acontecera en 2019, o atleta olímpico Adrián Ben será o padriño da Sin-Son 10K. O de Viveiro repetirá presenza na proba e estará o domingo 19 de decembro para percorrer os dez mil metros da proba que este ano chega a súa once edición.
Tampouco faltarán outros corredores destacados como é o caso do último gañador da carreira, Alejandro Fernández,ou as irmáns Edymar e Joselyn Brea, entre outros.
A cita xa ten o cartel de completo, e as 1.500 prazas previstas esfumáronse en poucos días. Dende a organización tamén aproveitaron para dar a coñecer algunhas das novidades da proba. Unha delas garda relación coas medidas sanitarias. Tódolos corredores da carreira absoluta deberán presentar o certificado covid, ou no seu caso unha proba PCR ou de antíxenos negativas cun máximo de 48 horas de antelación ó inicio da proba.
Tamén deron a coñecer os puntos de recollida anticipada de dorsais.