Moreira será voceiro, parlamentario e candidato á presidencia do PP pontevedrés

PONTEVEDRA> Jacobo Moreira volverá ao Parlamento autonómico. Así o confirmou esta mañá o propio Moreira que, ademais, adiantou que non pensa deixar o seu papel como voceiro local do Partido Popular no concello de Pontevedra. É máis: a súa intención é escalar no propio partido, e esta mañá presentou a súa candidatura para presidir o PP de Pontevedra.

 

Parlamentario no Hórreo e voceiro do PP no concello de Pontevedra. Nos plans de Jacobo Moreira non entra renunciar a ningunha das opcións, e hoxe confirmou que aceptará a acta de deputado autonómico para substituír a Agustín Hernández.

Pero Moreira aspira a máis. Tamén hoxe presentou oficialmente a súa candidatura á presidencia local do PP de Pontevedra no congreso do 12 de xullo, no que se buscará o substituto de Telmo Martín.

Entre as súas propostas, Moreira quere recuperar estruturas internas que xa foron empregadas no pasado, como as xuntas parroquiais. Crear un Consello Asesor, un Valedor do Afiliado do PP ou unha oficina do Cidadán, son outras das súas ideas.

De cara ao congreso do 12 de xullo, Jacobo Moreira confía en non ter problemas para reunir os avais necesarios. Ademais, xustificou o comportamento de Rafael Louzán e Alfonso Rueda, que evitaron manifestar o seu apoio á candidatura do actual voceiro popular en Pontevedra.

Sobre o seu papel como deputado no Parlamento, esta non é a primeira vez que Moreira compatibiliza o cargo no Hórreo co de voceiro municipal. Xa o fixera en 2011 durante algo máis dun ano, cando entrou para substituír a José Fervenza, alcalde de Moaña.

 

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/19/congreso_local_pp.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/19/congreso_local_pp.mp4{/flowplayer}