Os veciños de Chancelas denuncian deficiencias na estrada PO-308

POIO> Aumentan as queixas en Poio polas deficiencias atopadas na estrada PO-308. Os veciños piden un paso de peóns na zona do Laño e maior información nas marquesiñas. Medidas coas que pretenden mellorar a seguridade vial da zona.

Os veciños de Poio celebraron hai uns días este acto de inauguración do paso de peóns de Chancelas. Un paso que chegou tras meses de reclamacións á Xunta de Galicia nun dos puntos máis conflitivos da estrada PO-308.

Pero este paso de peóns non solucionou todos os problemas de seguridade vial que se rexistran diariamente nesta estrada. Os veciños acaban de presentar ante a Consellería de Infraestruturas un escrito onde recolleron unha serie de demandas. A primeira, a instalación doutro paso de peóns na zona do Laño.

Outra das demandas destes veciños de Poio está relacionada con estas marquesiñas. Paradas de autobús onde non hai información sobre os horarios do transporte público.

Os veciños aseguran sentirse discriminados por parte da Xunta de Galicia e denuncian a falta de colaboración entre esta administración e o goberno municipal.

Os membros da Plataforma PO-308 tamén sinalan directamente ao PP de Poio e acusan á agrupación liderada por Ángel Moldes de facer unha oposición pouco construtiva.