Oito persoas perderon a vida nas estradas pontevedresas durante os meses de verán

PONTEVEDRA> Oito persoas perderon a vida nas estradas da provincia durante os meses de xullo e agosto. Así o confirmou hoxe a subdelegada do Goberno. Maica Larriba fixo balance esta mañá da operación de verán da DXT. Unha campaña que pecha cuns datos superiores aos rexistrados o ano pasado.

A campaña de tráfico na provincia de Pontevedra saldouse este verán con 8 falecidos, cinco máis que no ano 2019. Xullo foi o mes máis crítico con 6 vítimas mortais nas carreteiras.

Comparando os datos da provincia co resto de Galicia, Pontevedra rexistrou o 50% dos falecementos en carreteira de toda a nosa comunidade. A meirande parte dos accidentes producíronse por unha colisión frontal. A velocidade inadecuada segue a ser un dos factores principais destes sucesos.

A subdelegada do Goberno fixo tamén balance esta mañá dos datos globais no que vai de ano. Entre o 1 de xaneiro e o 3 de setembro, o número de falecidos nas estradas provinciais descendeu nun 32%, algo que se debe, en gran medida, ao Estado de Alarma.

Durante os meses de confinamento, as vítimas mortais nas estradas de Pontevedra reducíronse nun 83%, pasando de 11 falecidos en 2019 a 3 neste ano. Iso si, unha vez rematado o Estado de Alarma, os datos disparáronse e as vítimas mortais creceron nun 300% nos últimos dous meses.