A piscina municipal da Fieiteira xa leva o nome de María Vilas

RIBEIRA> A nadadora local foi a gran protagonista do acto organizado polo Concello, ó que non faltaron familiares, amigos e veciños en xeral.

Como acontecera anteriormente con Ana Peleteiro, a quen o executivo decidiu poñerlle o seu nome ás pistas de atletismo, María Vilas recibía tamén esta pasada fin de semana a súa homenaxe. Foi tamén nun acto sinxelo pero emotivo, no que non faltaron familiares, amigos e veciños en xeral da nadadora, que coa súa presenza quixeron arroupar á xoven deportista. Foi ela a encargada de destapar a placa na que pode lerse o seu nome.

Na súa intervención agradeceu a todos a homenaxe, especialmente a aqueles que a acompañaron dende os seus inicios.

O alcalde, tivo tamén palabras de eloxio para ela, da que destacou, entre os seus múltiples logros, o feito de ser a primeira e, ata o de agora, única deportista ribeirense da historia que participou nuns Xogos Olímpicos. Concretamente nos de Londres de 2016.

Despois dun período de inactividade de dous anos, a nadadora ribeirense xa volveu ós adestramentos co fin de recuperarse dun baixón anímico que a apartou da piscina, polo que en breve regresará competición de máis alto nivel. Ese lugar do que nunca debeu baixarse…