Un novo emisario erradicará os vertidos da praia de Castiñeiras

    RIBEIRA > Os frecuentes vertidos que se veñen producindo na praia de Castiñeiras teñen os seus días contados grazas á colocación dun novo emisario.

    Esta actuación, demandada inisistentemente polos grupos que integran a corporación municipal, permitirá poñer fin a unha das principais problemáticas de Castiñeiras. Dende hai anos, os vertidos convertéronse nunha constante na praia desta parroquia ribeiresa, agravándose a situación durante a tempada de verán co incremento da poboación.

    vertidos_200_040506.jpgA intención do executivo municipal era te-lo novo emisario funcionado xa durante os pasados meses de verán pero o retraso na autorización da obra provocou que a actuación se demorase ata a actualidade.

    Sen embargo, a empresa encargada das obras, Acuagest, xa realizou unha serie de traballos preparatorios para acomete-la actuación con maior rapidez polo que se prevé a súa finalización antes dun mes.

    A nova tubaxe contará con douscentos catro metros de lonxitude e corenta lastres de formigón que se colocarán cada cinco metros para fondear o emisario que permanecerá soterrado na praia. A maior extensión da conducción evitará a entrada de area que colapsaba as tubaxes provocando o vertido de residuos ó exterior.

    A actuación, que contou cun investimento de 60 mi euros, é un paso máis dentro do plan de loita contra os vertidos que promove o goberno ribeirés. Para o seu desenvolvemento xa se constituíu unha comisión antivertidos coa representación de tódolos sectores implicados.

    Sen embargo, lonxe de desaparecer, a presenza de residuos nas augas ribeireses segue a constituír unha importante problemática. Sen ir máis lonxe, esta mesma semana xa se rexistraron dous vertidos nas augas do porto de Ribeira sen que, ata o momento, se coñeza a súa procedencia. Sen embargo, todo apunta a que podería tratarse dun vertido de gasóleo ou algunha substancia similar.

    Redacción Barbanza