{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/24/MENUSESCOLARES1.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/24/MENUS_DOMICILIO_VILAGARCIA.mp4{/flowplayer} VILAGARCÍA> Vilagarcía convértese nun dos primeiros concellos en presentar medidas para evitar que nenos do municipio pasen carencias alimenticias no verán. Se hai unhas semanas anunciaban que non manterían os comedores escolares por non dispoñer de fondos, a concellería de servizos sociais anuncia agora a posta en marcha dun servizo de catering a domicilio. A medida dáse a coñecer no mesmo día no que Unicef revela que un de cada tres nenos en España vive por debaixo do umbral da pobreza. Un pacto de Estado pola Infancia. É o que propón a ONG Unicef tras coñecerse os datos do seu informe sobre pobreza infantil, uns datos que revelan que máis de dous millóns de cativos en toda España, un de cada tres, viven por debaixo do limiar da pobreza. Para coñecer o reflexo desta situación non hai que ir moi lonxe. Nas últimas semanas nos concellos do Barbanza, O Salnés e toda Galicia, están a sucederse as voces que claman a apertura dos comedores escolares no verán ante as dificultades que poderían pasar moitas familias para alimentar ós cativos nos meses de vacacións. Un dos primeiros nos que se oíron esas voces en Arousa foi Vilagarcía, e aínda que inicialmente Ravella rexeitou a apertura dos comedores por falta de fondos, propoñen agora unha solución alternativa para evitar que nenos de familias necesitadas pasen carencias alimenticias ata que se retomen as clases. Trátase dun servizo de menús a domicilio que servirán empresas de catering coas que o goberno local xa está a manter contacto para avaliar presupostos e características dos menús. O servizo cubrirase cunha liña de financiamento de dez mil euros que deberá ser aprobada no pleno do próximo luns, e non só cubrirá a usuarios dos comedores escolares, senón a tódolos alumnos de centros de infantil, primaria, e educación especial que poidan atoparse en situación de carestía.
Inicio crb