M.Ruíz: ‘É un presuposto realista, austero e socialmente sensible’

    RIBEIRA> O rexedor local presentou esta mañá os presupostos para este ano 2014, que serán levados o próximo luns a pleno para a súa aprobación inicial. Con estas palabras, o alcalde Manuel Ruíz, cualificaba o orzamento municipal para este ano 2014, e que no seu total ascende a máis de 22’3 millóns de euros. Na súa presentación, o rexedor local foi debullando unha a unha tódolos capítulos do documento orzamentario, destacando por riba de todo a importante redución da débeda viva rexistrada este ano e que se sitúa nun 44,26%, un dos niveis máis baixos da historia do concello. Segundo el as partidas destinadas a servizos sociais increméntanse considerablemente con respecto a anos anteriores, e tamén a dedicada ó emprego, debido sobre todo á posta en marcha dun obradoiro de emprego e á creación dun viveiro de empresas. Tamén aludiu a outras iniciativas coas que o Concello está dando traballo a veciños en paro, como a posta en marcha dun plan de emprego local. A cantidade destinada ós investimentos ascende a máis de catro millóns e medio de euros, destacando actuacións coma o saneamento no lugar de Sobrido en Oleiros, con máis de catrocentos mil euros, a realización do proxecto “Riveira, entornos saudables” con 375 mil euros ou a construción de beirarrúas Aguiño – A Graña na que se investirán máis de 240 mil euros. A aprobación inicial dos orzamentos terá lugar na sesión plenaria do vindeiro luns, unha vez presentada tamén toda a documentacións ós grupos da oposición para o seu estudo e análise.