Expocidades fará de Pontevedra o epicentro do turismo do Eixo Atlántico

PONTEVEDRA> Pontevedra ultima os preparativos para converterse na capital turística do Eixo Atlántico. Entre o 4 e o 6 de xullo, a Alameda da cidade acollerá a segunda edición da feira Expocidades, na que participarán un total de 27 cidades galegas e portuguesas.

 

Catorce cidades galegas e trece portuguesas exporán os seus encantos en Pontevedra. Durante a primeira fin de semana de xullo, a capital será o escaparate turístico da eurorrexión.

A feira será gratuíta e centrarase na Alameda, onde se instalarán os stands das cidades. Un showcooking na praza de abastos, un blogtrip con especialistas en gastronomía e turismo ou un encontro na Casa das Campás entre empresas turísticas e gastronómicas de Galicia e Portugal, son outras das actividades que recolle o programa.

O Eixo Atlántico aproveitará esta edición de Expocidades para facer unha aposta decidida polo Camiño Portugués a Santiago.

Con este fin, as cidades polas que pasa o trazado están a facer unha auditoría para detectar as posibles deficiencias do percorrido, un informe que se trasladará ao goberno portugués e á Xunta.

Pontevedra e Braga serán as dúas cidades potenciadas como epicentro desta ruta cara Santiago, que cada ano rexistra un maior número de peregrinos.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/24/feira_turismo_pontevedra.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/24/feira_turismo_pontevedra.mp4{/flowplayer}