RIANXO> O goberno rianxeiro conseguiu sacar adiante a súa proposta para o POS de Deputación. Dos preto de 700 mil euros que lle corresponden ó concello no marco do plan provincial, máis de 500 mil destinaranse a gasto corrente para axudar a sufragar custos como os derivados da xestión de residuos e limpeza viaria.
A proposta de Rianxo en Común saíu adiante co apoio do Partido Popular.
PSOE e BNG abstivéronse, criticando que se destinara máis do 70% do Plan a gasto corrente.
No apartado de obras contémplanse dúas actuacións: a segunda fase da mellora do vial entre O Burato e Fachán, na parroquia de Taragoña, e a dotación de mobiliario á biblioteca trala recente reforma do pazo do Martelo.
Na sesión aprobouse tamén o plan complementario, na que se incluíu a ampliación da rede de saneamento e abastecemento nos núcleos de Meiquiz e Or, en Leiro, por importe de algo máis de 200 mil euros.











