As infraccións penais en Ribeira descenden un 4’65%

    RIBEIRA> Os datos foron abordados durante o transcurso da Xunta Local de Seguridade que estivo presidida polo Subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, e o alcalde, Manuel Ruiz. O salón de plenos do concello ribeirense acollía esta mañá a xunta local de seguridade. Na mesma tomaron parte ademais do Subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, e o alcalde, Manuel Ruiz, representantes das forzas e corpos de seguridade do Estado, entre os que se atopaban o comisario provincial, José Luis Balseiro, o comisario de Ribeira, José García ou o xefe da Policía Local, Pedro Fernández. Na reunión déronse a coñecer os datos das infraccións penais cometidas no municipio no primeiro semestre de 2014, poñéndose de manifesto un descenso dun 4,65% con respecto ó mesmo período do ano anterior. Ademais destacouse a baixada experimentada en furtos en locais e en roubos a persoas, en tanto que outras infraccións, como os roubos en vivendas, seguen a presentar unha incidencia baixísima ó compararse con outras zonas de Galicia. Paralelamente a isto, salientouse os altos niveis de eficacia das forzas e corpos de seguridade, cunha Policía Nacional que mantén un índice de resolución de casos que está entre os máis significativos de toda Galicia. A xuntanza serviu tamén para analizar outros asuntos de interese dende o punto de vista da seguridade cidadá, como aqueles eventos nos que se prevé unha gran afluencia de público na localidade como é o caso da Dorna ou as festas de verán, entre outros. Ao mesmo tempo, reiterouse a esixencia de cumprir coa normativa vixente en actividades pirotécnicas.