O Subdelegado do Goberno nega que se contemple pechar xulgados

    CAMBADOS> O anteproxecto de reforma de Lei de demarcación e planta xudicial non pon en perigo a continuidade do Xulgado de Cambados. Así o asegurou esta mañá na Vila do Albariño o Subdelegado do Goberno en Pontevedra. Unhas declaracións que non convencen ó rexedor cambadés que ven de pedir unha reunión específica da FEGAMP para elevar as súas protestas ante o Ministerio de Xustiza.

    O anteproxecto de Lei de Demarcación e Planta Xudicial segue preocupando, e moito, ós cambadeses. Esta inquedanza era trasladada esta mañá polo Alcalde de Cambados ó Subdelegado do Goberno en Pontevedra na súa visita á Capital do Albariño por mor da celebración da Xunta Local de Seguridade. O Subdelegado asegurou que este non era o momento de polémicas, máxime cando entende que o anteproxecto non prevé o peche de ningún xulgado. O Alcalde de Cambados, Luís Aragunde, non está dacordo co Subdelegado e cre que seguir loitando é a única maneira de que Cambados siga tendo os catro xulgados nas mesmas condicións que actualmente. O Concello de Cambados ven de solicitar unha reunión especial da FEGAMP para facer presión ante o Ministerio de Xustiza e pedir unha xuntanza directa co Ministro do ramo, Alberto Ruíz Gallardón. Luís Aragunde pediu tamén ó Subdelegado a súa intermediación para renovar as instalacións da Garda Civil de Cambados; unha petición que Coello trasladará á Dirección Xeral da Garda Civil. Estes requerimentos tiveron lugar na comparecencia posterior á Xunta Local de Seguridade deste Concello, que cada ano se fai antes das Festas do Albariño. Na mesma, fíxose balance do acontecido nos último meses en materia de seguridade cidadá. Neste axuntamento, as distintas forzas de orde e seguridade que operan en Cambados perfilaron a actuación que desenvolverán a primeiros do mes de agosto, para facilitar o desenvolvemento das Festas do Albariño. Uns festexos para os que este ano houbo que xestionar con máis antelación os permisos por mor dos cambios normativos.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/03/xunta_local.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/03/xunta_local_seguridade.mp4{/flowplayer}