Boiro continúa vivindo a súa semana grande das festas

    BOIRO> Durante a fin de semana a chuvia desluciu parte do programa de actividades, aínda que moitas delas puideron desenvolverse igualmente. As festas do verán de Boiro deron comezo o venres coa lectura do pregón, a cargo este ano dos membros do grupo de música tradicional Xilbarbeira. A chuvia caída durante a fin de semana, especialmente na xornada do sábado, desluciu en parte os festexos, xa que moitas das actividades tiveron que suspenderse ou trasladarse a espazos pechados como foi o caso do festival de música tradicional que finalmente se levou a cavo no auditorio da casa de cultura da Cachada. Onte domingo tiña lugar o tradicional desfile, aínda que a comisión decidiu trasladar ó mércores a tirada de fogos de artificio do domingo. Hoxe tiña lugar un dos eventos máis agardados tamén polos boirenses, o Día das Peñas, que co paso dos anos se está a converter nunha das citas máis concorridas xornada. Os festexos continuarán ata o mércores con todo tipo de actividades, nas que sobresaen por riba de todo as actuacións musicais a cargo das mellores orquestras de Galicia na Praza do Concello.