POBRA > O BNG da Pobra elevará ó Parlamento de Galicia e ó Congreso dos Deputados as supostas irregularidades cometidas polo goberno local na concesión do cámping Ría de Arousa. Segundo os nacionalistas os termos do convenio favorecen á empresa privada en lugar de ter en conta o interese xeral dos veciños.
A modificación do contrato entre o goberno da Pobra do Caramiñal e o cámping Ría de Arousa, establecido baixo a fórmula da concesión, non contenta ós membros do grupo municipal do BNG que xa teñen manifestado en anteriores ocasións a súa desconformidade. Esta vez os nacionalistas decidiron presentar dúas iniciativas, unha no Parlamento de Galicia e outra no Congreso dos Deputados, solicitando ás distintas administracións que medien para garantir a legalidade do proceso.
As principais denuncias do BNG refírense á incorporación na concesión dunha nova superficie de terreo público de máis de 4 mil seiscentos metros cadrados así como a bonificación á empresa concesionaria por unha contía superior ós 90 mil euros. A concesión, que se ve ampliada en 25 anos, establece tamén un novo canon anual de 30 mil euros.
As denuncias dos nacionalistas van máis aló xa que afirman que se están a realizar obras nos novos terreos, sen contar cos informes precisos elaborados polos organismos competentes. Segundo explicou a deputada parlamentaria, Ana Pontón, estes terreos están afectados pola zona de Servidume de Protección polo que a autorización das obras correspondería á Consellería de Pesca.
Ante as acusacións formuladas polos nacionalistas, o alcalde da Pobra, Isaac Maceiras, defendeu a legalidade desta concesión posto que os terreos do cámping seguen a ser de titularidade municipal. Maceiras explicou que a ampliación dos terreos prodúcese despois de que o cámping xa cedera máis de mil seiscentos metros cadrados de terreo en primeira liña de praia para posibilitar a construción do paseo marítimo, unha obra de interese para tódolos cidadáns da Pobra do Caramiñal.
Pola súa banda, o xerente do cámping Ría de Arousa, Manuel Domingo Rodríguez, non entende a postura do BNG en constante oposición á ampliación deste establecemento turístico posto que supón un dos principais factores de dinamización turística e económica do municipio.
Manuel Domingo Rodríguez entende que o cámping non pode ser motivo de constantes disputas políticas senón que os grupos municipais deben poñerse de acordo sobre a súa necesidade para o desenvolvemento económico de todo o municipio. Neste sentido, o xerente do cámping sostén que este establecemento supón unha das principais fontes de ingresos e de creación de riqueza da zona.
Así mesmo, o responsable do cámping defende a lexitimidade do acordo subscrito co concello que posibilitou a creación do novo paseo marítimo en beneficio de veciños e visitantes.
Redacción Barbanza