Os mariscadores de Aguiño acurtan a campaña da ameixa ante a caída dos prezos

RIBEIRA> A caída da cotización levou á confraría de Aguiño a alternar os días de traballo para conseguir uns prezos máis acordes á calidade do marisco. Despois de que onte o quilo de ameixa babosa non chegase ós 20 euros, os mariscadores decidiron non saír a traballar nesta xornada.

20 euros. Este é o prezo mínimo que estableceu a confraría de Aguiño para o quilo de babosa. Pero onte non pasou dos 18 polo que dende o pósito tomaron a decisión de alternar os días de traballo para equilibrar a oferta e a demanda e conseguir que os compradores paguen un prezo acorde á calidade do marisco.

Á baixa cotización engádese tamén a escaseza de recurso posto que resulta moi complicado acadar os dez quilos de cupo de ameixa babosa ou os 20 de rubia.

Así as cousas a campaña da ameixa preséntase mala e curta. Resignados, os mariscadores de Aguiño depositan as súas esperanzas na campaña do percebe que arrancará a principios de novembro con moitas mellores previsións.