O colexio Fernández Varela reclama as melloras prometidas

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/07/deficienciascolexiofernandezvarela10707141.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/07/deficienciascolexiofernandezvarela1070714.mp4{/flowplayer}

POBRA> Numerosos profesores, pais, nais e alumnos da escola de educación infantil Fernández Varela xuntáronse ás portas do centro para reclamar as melloras prometidas polo concello da Pobra e a consellería de educación da Xunta de Galicia. O goberno da escola afirma sentirse enganado, estafado e burlado.

Dende o ano 2010 a dirección da escola Fernández Varela da Pobra, ven reclamando unha serie de melloras para o centro educativo. Despois de diversas visitas de personalidades da Xunta, en marzo do 2014 o alcalde, Isaac Maceiras, e o xefe territorial de educación, Indalecio Cabana, anunciaron que se investirían 75.000 euros para executar as obras solicitadas. Non obstante, a directora do centro afirma que lle comunicaron que non se poderán realizar todos os arranxos requiridos ao non haber cartos suficientes. Tanto a ANPA como o persoal do centro, indican que as obras que se precisan son moi urxentes. Preocupa especialmente a actual situación do pavimento do patio, que provoca constantes feridas nos rapaces de 3, 4 e 5 anos. Consideran indispensable crear un acceso ó patio cuberto, sen necesidade de que os rapaces se mollen baixo a chuvia para ir ata a zona de xogo. As fiestras e persianas deste centro pobrense tamén urxen dun cambio. A súa antigüidade facilitoulle ós ladróns facerse con cuantioso material informático valorado nunha gran suma de cartos. E por último solicitan construír uns novos servizos no segundo andar, xa que na actualidade cóntase con 3 sanitarios para 60 rapaces, ademais de mellorar o resto para que os alumnos poidan chegarlle ós lavabos. Na actualidade este centro da Pobra do Caramiñal conta con 120 alumnos.

Tras esta reacción mediática da escola de educación infantil Fernández Varela, o alcalde da Pobra do Caramiñal indicou que é incorrecto que non se vaian a acometer as obras de mellora no centro. Está previsto que se executen en tres fases, e incluso o propio concello destina unha partida para o arranxo dos baños.

O alcalde da Pobra, Isaac Maceiras, mostrouse sorprendido ante a protesta que se formou as portas do centro educativo Fernández Varela. As obras, que reclaman a dirección máis a ANPA, seguen previstas e acometeranse na maior brevidade posible. Consideran que a directora do centro malinterpretou as palabras dun técnico da Xunta. Segundo afirmaron Maceiras máis a concelleira de educación, Encarnación González, a directora aceptou os prazos que acordaron para os arranxos. Este verán realizarase o arranxo do patio, coa súa porta de acceso á zona cuberta, así como a creación e mellora de servizos. A instalación de novas fiestras, con cargo ós orzamentos do ano 2015, realizarase en dous prazos: as do primeiro andar renovaranse no Nadal e as do segundo andar no verán do próximo ano. O custe do arranxo dos servizos correrá a cargo do concello da Pobra. O resto será financiado pola consellería de Educación da Xunta de Galicia.