O novo patrón maior de Cambados será Ruperto Gómez

    Ruperto Gómez, Perto, un armador do raño, será previsiblemente o novo patrón maior de Cambados tras quince anos de goberno de Benito González Sineiro. Decidírono onte os integrantes da xunta xeral cambadesa constituída case integramente polos integrantes da candidatura Rexeneración Democrática. Nesta xuntanza acordaron tamén que a vicepatrona sexa María José Cacabelos, mariscadora e durante anos Presidenta da Asociación Guimatur; e o segundo vicepatrón Baldomero Domínguez, da lista de armadores da pesca de baixura. Con todo, para que estes nomeamentos sexan oficiais haberá que agardar o correspondente proceso de alegacións; ata o día 26 deste mes, cando as novas equipas directivas poidan tomar posesión dos seus cargos. En Vilanova, onde tamén se produciu un golpe de timón, a Xunta directiva podería reunirse mañá martes para escoller os seus novos cargos que estarán á fronte deste pósito nos vindeiros catro anos.